29 de diciembre de 2016

OBRADOIROS ¡FELIZ CUMPLEANOS!



¡F EL I Z    
C UM P L E A N O S!
Celebra o cumple no Museo Massó



O Museo Massó ofréceche a posibilidade de celebrar
o sábado que ti elixas
un cumpleanos diferente
realizando un obradoiro didáctico, 
participativo e divertido

Para nen@s a partir de 3 anos

Reserva gratuíta
Mínimo 10 e máx. 25 nen@s
Duración: 1 hora aprox.

Máis información e reservas
Telf: 886 151 101
museo.masso@xunta.gal

LISTADO DE OBRADOIROS “FELIZ CUMPLEANOS”

Estrela polar (Para nen@s de 3 a 5 anos)
A pesar da gran dificultade que ten para os máis pequenos entender a orientación astronómica, este obradoiro está ideado para desenvolverse dun xeito activo e participativo e asimilar os conceptos básicos mediante o xogo.

B de balea (Para nen@s de 3 a 5 anos)
A partir de pequenos xogos de construción de palabras e de imaxes, os participantes irán descubrindo as características das diferentes especies de cetáceos e porque se cazaban antigamente, así como os motivos polos que se abandonou esta práctica en moitos países.

Mar á vista (Para nen@s de 3 a 5 anos)
Xogo de recoñecemento de obxectos representados nunha das pinturas de Urbano Lugrís. Os nenos deberán ir descubrindo cal é o obxecto presentado e cal é a súa representación na pintura.

Sentir o museo (Para nen@s de 3 a 5 anos)
Este obradoiro pretende ser unha viaxe sensorial para experimentar o museo a través do oído, do tacto, do olfacto, do gusto e da vista. Os nen@s descubrirán os obxectos do museo e a súa historia para logo escoitar, tocar, cheirar e saborear cos ollos pechados e identificar o que viron ao longo da visita.

Cousas da praia (Para nen@s de 3 a 6 anos)
Mediante este xogo pretendemos que os máis cativos teñan unha visión diferente da praia e aprendan a respectala como un espazo natural. A través da música ensinaremos aos participantes de que está formada a area da praia, por que sobe e baixa a marea, os tipos de plantas que viven nas dunas, etc. Cuns puñados de area, un panel con obxectos que podemos atopar na praia, cunchas e cancións, os participantes coñecerán de que está formada a area, que obxectos pertencen á praia e cales non deben estar alí e que traballos se desenvolvían na praia antigamente.

Sardiñas para unha lata (Para nen@s de  4 a 10 anos)
Este obradoiro fai un percorrido por todo o proceso da conserva da sardiña, dende a  vida  no mar e as diferentes artes de pesca para capturalas, ata os distintos métodos de conserva. Farase un repaso para coñecer a orixe da industria conserveira e particularmente a da Fábrica Massó. 

En busca do tesouro (Para nen@s de 5 a 9 anos)
A partir dun mapa e algunhas pistas orientativas, os participantes terán que encontrar as diferentes partes dun quebracabezas coma si dun tesouro se tratara. A ruta do mapa centrarase na primeira volta ao mundo e os motivos comerciais que a impulsaron.

A Balea (Para nen@s de 6 a 8 anos)
A partir dunha introdución sobre as características principais das baleas e as diferentes ameazas ás que se ven sometidas, os participantes realizarán dous pequenos murais mediante a técnica do collage. Unha das imaxes estará baseada na caza das baleas e os diferentes perigos que corren e a outra na importancia de conservar a especie como parte dun ecosistema.

A caza da balea (Para nen@s de 6 a 9 anos)
Mediante un xogo de pistas os participantes deberán atopar unhas pezas agochadas no museo, co obxectivo principal de achegar aos nen@s os contidos da exposición De Punta Balea a Cabo Morás. A caza moderna da balea en Galicia. Cada grupo terá que resolver diferentes incógnitas, poñendo as solucións en común na parte final do obradoiro.

Mensaxe nunha botella (Para nen@s de  6 a 12 anos)
Nesta actividade lúdico- cultural as mensaxes dentro das botellas agochadas polas salas do museo revelarán aos participantes a importancia que teñen os océanos para o noso planeta, tanto para a diversidade das especies como pola súa influencia no clima. Mediante un xogo deberán completar unhas tarxetas que aportarán as pistas necesarias para atopar as mensaxes. Finalmente cada participante escribirá unha mensaxe cun bo desexo para os océanos e todas as mensaxes se meterán nunha botella común.

Punta Balea (Para nen@s de 9 a 12 anos)
Mediante un xogo de orientación os participantes irán obtendo información de como foi a evolución da industria baleeira. A partir da exposición De Punta Balea a Cabo Morás. A caza moderna da balea en Galicia irán recoñecendo e relacionando obxectos, imaxes e palabras que axudarán a descifrar unha mensaxe.

 

22 de diciembre de 2016

OBRADOIRO DE NADAL


7 de diciembre de 2016

CONFERENCIA-TALLER


VENRES 16 DE DECEMBRO 
ÁS 20.30 HORAS

A restauración das pinturas de Lugrís no Museo Massó

A directora do Museo Massó, Covadonga López de Prado Nistal, 
fará unha introdución á obra do artista e a súa etapa 
de traballo en Bueu e para a familia Massó.
Seguidamente a restauradora, Cristina Cobas Macías, 
explicará a intervención levada a cabo durante os dous últimos meses, 
facendo unha demostración do tratamento de consolidación 
da capa pictórica nunha das pinturas.
 
Prazas limitadas
Inscrición gratuíta
986 321 838// museo.masso@xunta.gal